domingo, 13 de julio de 2014

Colgarse a medalla de Castelao, por Noela Blanco



Imaxino a Castelao observando asombrado dende o Panteón a esperpéntica sombra que algúns intentan debuxar da súa figura. Un dos nosos galegos máis ilustres, defensor da República, loitador incansable contra o caciquismo e as vellas concepcións reaccionarias, admirador e potenciador da nosa lingua, convertido en produto comercial por aqueles que só se lembran do galego para facer pomposos e hipócritas discursos. De seguirmos desdebuxando así a súa figura, máis pronto que tarde a marca Castelao acabará nos carteis de publicidade dalgún Banco, ou de produtos made in Taiwan.
Despois están os que de verdade din o que pensan, como Gloria Lago, presidenta de Galicia Bilingüe, que non dubida en cualificalo no seu blog coma “xenófobo”. A verdade é que a opinión daqueles que, coma ela, aínda consideran que o galego só sirve para falar coas vacas, pois non me interesa demasiado, porque as vacas, ao igual que a nosa lingua e a figura de Castelao, na nosa terra para moit@s de nós son case sagradas.
Remove as entrañas que na entrega das medallas de Castelao o presidente da Xunta reflexione acerca do que el considera “desafortunada República”, e que conclúa que a época máis escura e tenebrosa da nosa historia recente foi causa dos “caprichos da historia”. Como se a represión franquista que levou a moit@s a ter que abandonar a súa terra non fora polo golpe militar do 36, senón responsabilidade dos deputados aos se lle esqueceu colocar unha restra de allos na porta do Congreso.
Cando se cumpren 30 anos daquelas desgarradoras imaxes, que mesturan emoción e tensión, nas que @s galeg@s recibían os seus restos, é máis necesario que nunca poñer en valor o legado de Castelao, e salvagardalo daqueles que non o entenden, ou pretenden moldear a súa figura ao seu antollo, daqueles que Pondal cualificaba coma  “salvaxes, duros e escuros”.

No hay comentarios: