lunes, 25 de julio de 2011

Santa Margarita ou Central Park.Calquera que dea unha volta por Santa Margarita, para min a zona verde máis bonita do mundo, terá observado o nivel de degradación que sofre o parque máis importante da cidade


 Isto débese, na miña opinión, á política do tándem Vázquez-Losada, que leva sufrindo a cidade nos últimos vinte anos.Unha forma de gobernar de cara á galería, baseada en grandes obras coas que se poida cegar a os votantes máis incautos. Para confirmar isto, un estudo dunha coñecida entidade financeira, sitúa A Coruña á cola de calidade de vida en cidades da súa dimensión. Este estudo valora o custo da cesta da compra, o mantemento das zonas verdes, a fluidez do tráfico, o acceso gratuíto a internet, o equipamento dos barrios, oferta de vivenda social, calidade da atención médica, restauración das zonas antigas, etc.Non valora, paseos marítimos infrautilizados en moitas zonas, parkings públicos case convertidos en privados, centro de lecer do porto que son un auténtico fracaso, tranvía que só utilizan os turistas no verán, ascensor de San Pedro, etc. Todo isto cun altísimo custo para os coruñeses que impide investir nas cousas que lle afectan todos os días. A política do Sr. Losada continua por este camiño, se os coruñeses non o impiden, a cidade seguirá degradándose ata límites insospeitados, aínda que a eles non lles afecte, sempre se pode gozar dun bo chalé nos arredores. A todos nos gusta Santa Margarita, pero sabemos que non é Central Park.